Wednesday 15 de May de 2024

O Goberno inicia os trámites para asumir a xestión do cobro das multas a través de Tussa


O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, anunciou hoxe o inicio dos trámites para asumir a xestión directa do cobro das multas a través de Tussa. O primeiro paso será a ampliación do obxecto social da sociedade municipal nos seus estatutos. Xan Duro lembrou que a empresa concesionaria do cobro das multas percibe case o 27% dos ingresos anuais recadados en vía voluntaria, unha porcentaxe que en 2022 equivaleu a máis de medio millón de euros.

O ano pasado, o Concello de Santiago ingresou 2.072.214,7 euros en concepto de multas, e a empresa que xestiona o seu cobro percibiu 555.353,54 euros, o 26,8% dos ingresos recadados en vía voluntaria, que é a porcentaxe recollida na adxudicación do servizo. Unha vez descontados os gastos de Correos e outros custos, a estimación é que o Concello podería aforrar unha media de 250.000 euros anuais coa xestión directa a través de Tussa.

O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais explicou que este é o principal motivo polo que o Goberno vai afrontar a xestión directa do cobro das multas a través de Tussa, “unha vez que está a piques de finalizar a vixencia do actual contrato, que foi adxudicado pola Xunta de Goberno en novembro de 2018, por un prazo de tres anos máis dous anos de prórroga, e que finaliza o 31 de decembro”.

Modificación do obxecto social de Tussa

Para que a sociedade municipal Tussa poida asumir a xestión do cobro das multas, vaise modificar o seu obxecto social, “para recoller encargos relacionados co auxilio técnico na tramitación de expedientes sancionadores e de recadación por infraccións da normativa de circulación e mobilidade urbana”.

Xan Duro explicou que a modificación dos estatutos de Tussa será avaliada no consello de administración da entidade e posteriormente sometida á súa xunta xeral. O concelleiro mostrouse convencido de que a proposta “sairá adiante sen dificultade, porque existe consenso sobre a conveniencia de asumir a xestión directa das multas, e nese sentido se teñen manifestado os diferentes grupos municipais nos últimos anos”. A partir de aí, a Xunta de Goberno poderalle encomendar a Tussa a xestión do cobro das multas, co obxectivo de que este novo modelo entre en vigor o 1 de xaneiro.